lunes, diciembre 03, 2007

Lingua e viño

Hai unha asociación que recolle sinaturas contra o decreto da Xunta, xa sabedes, ese que establece que o cincuenta por cento das asignaturas se impartan en galego. Seica levan xa moitas adhesións e o outro día, nunha conferencia informativa celebrada en Pontevedra, xuntaron a preto dun milleiro de persoas. En síntese, os membros desta asociación defenden a liberdade dos pais para escoller a lingua de escolarización dos seus fillos, sosteñen que o castelán non é alleo a Galicia senón idioma de uso de moitos galegos e opinan que os poderes públicos non deberían promover hábitos lingüísticos entre os cidadáns. Como vedes, son pretensións razoables e contra as que pouco se pode discutir.
No entanto, a devandita asociación propón uns modelos educativos e sociais que me parecen inaceptables. Na miña opinión, o sistema educativo galego debe garantir que os alumnos teñan, ao finalizar os seus estudos, plena competencia lingüística en galego e castelán (e noutras disciplinas, por suposto, pero agora estamos ao que estamos). Esta plena competencia lingüística só se consegue co emprego habitual das dúas linguas de Galicia en todas as asignaturas, para coñecer a Sócrates ou resolver ecuacións ou aprender a táboa de elementos ou navegar por Internet. O contrario, o que propón a asociación que recolle sinaturas, é estudar todas as asignaturas na lingua de elección dos pais, relegando o outro idioma co-oficial á súa exclusiva asignatura. Deste xeito, o normal sería que os rapaces de Vigo, por exemplo, tivesen unha asignaturiña de galego (dándolle status de lingua estranxeira á lingua propia do país) e os de Ramirás, habitualmente galegofalantes, só empregasen a lingua española tres horas á semana. É dicir, mal dun xeito e peor do outro. O modelo actual (imposto dun modo algo irreflexivo polo bipartito, creo) ten eivas, sen dúbida, pero a alternativa que propón a alegre parella de profesores que están á fronte desta asociación non pretende outra cousa que perpetuar divisións entre campo e cidade, non ten a menor intención de facilitar o coñecemento efectivo e real da lingua galega e conduce, a medio prazo, a unha situación en que a "lingua propia de Galicia" (xa sei que a algúns non lles gusta esta denominación, pero é a que vén no Estatuto) sexa totalmente irrelevante. Aínda así, debemos estar atentos aos movementos desta asociación e á repercusión que está a obter en certos medios de comunicación. Non son "catro gatos", coma aquela AGLI de triste lembranza. Nesta ocasión, a mensaxe está a callar en moitos cidadáns, entre outras cousas porque a punta do iceberg, o que ensinan, é moi interesante e dificilmente discutible. O malo é o bloque de xeo que agochan baixo o branquísimo e inocente manto do bilingüismo (totalmente falso, xa que no fondo só buscan que todos os cidadáns de Galicia sexan monolingües, uns en castelán, outros en galego).
Por outra banda, creo que aqueles que aínda sentimos algunha preocupación polo futuro do galego debemos modernizar urxentemente o noso discurso. As razóns románticas, a apelación á lingua propia e a identificación co pobo non lle importan xa a case ninguén. Creo que é máis positivo que fagamos valer (con amabilidade e con firmeza, pero sen botar o mitin nin transformarnos nunha especie de sacerdotes do idioma) que falamos galego simplemente porque é o noso dereito, e non nos conformamos con falalo, senón que tamén o escribimos e o esiximos para todo aquilo que nos incumbe como cidadáns.
Habería moito máis que comentar, pero é luns e non quero abouxar a ninguén. Para rematar, propoño unha medida ben sinxela cara ao Nadal: merquemos viño etiquetado en galego. Eu síntome tan espléndido que ata teño intención de mercar un par de botellas de agasallo para a alegre parella que preside a asociación dos "bilingües".

3 Comments:

Blogger A lareira de Santiso said...

Pola miña condición de nena do rural -supoño que por iso- nunca sentín a necesidade de explicar por que falo galego de xeito natural.
Mais ata o momento nunca lera nin oíra ningunha argumentación máis seria, razonable e máis coherente cá que ti fas do noso idioma.
Únome as túas consideracións.
Apertas

11:01 a. m.  
Blogger Raposo said...

Boa reflexión a que pouco lle hai que engadir. Agora, eso si, de viño etiquetado nada, que beban do de granel!

10:50 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Home, paréceme moito premio. Espero que non se estenda a súa represalia contra eles porque vai apuntarse moita xente a asuntos similares...

5:16 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home