miércoles, mayo 31, 2006

Os nosos políticos

De acordo, tampouco é que sexan tan importantes, eles, os políticos, os que enchen as páxinas dos xornais de palabras paradoxalmente baleiras. Aínda así, por unha cuestión de hixiene mental e mínima conciencia cidadá, tampouco nos convén ignoralos máis da conta. De cando en vez, é bo pararse diante deles e criticar, con ánimo construtivo, algunhas das súas actitudes. No asunto da lingua, por exemplo.
Para principiar, unha afirmación un pouco arriscada de tan obvia: os partidos son, polo menos en parte, reflexo da sociedade na que nacen e medran. Non nos debe sorprender, pois, que amosen tal indiferenza ante o proceso imparable de perda de falantes do idioma galego. É evidente que hai excepcións, pero o panorama xeral non é especialmente optimista.
O Partido Popular é, non o esquezamos nunca, o que máis votos recibe elección tras elección. A maior colleita prodúcese, moi nomeadamente, nos municipios do interior. Os resultados que adoita obter nas provincias de Ourense e Lugo son, non nos enganemos, espectaculares. Non quero meterme aquí a sociólogo electoral nin moito menos elaborar teorías sobre o peso da tradición, a forza do caciquismo e todas eses factores que saen a relucir cando se estuda este fenómeno. Entre outras cousas, teño moito respecto pola xente e creo que o voto do pensionista de Ramirás é tan libre e meditado coma o do enxeñeiro de Vigo. Porén, centrándome no tema da lingua, penso que é preciso sinalar algo: a inmensa maioría dos galegofalantes, é máis, a maioría dos que só saben falar galego, vota PP. Este dato indiscutible serve para botar abaixo algúns tópicos que a miúdo agroman en certos medios de comunicación: nin o galego é un instrumento ao servizo de separatistas nin o concepto de "lingua propia" é unha falacia inventada por escuras vontades. Como administra o Partido Popular este inmenso capital cultural? Pois dun xeito, ao meu entender, confuso e mesmo torpe. É evidente que moitos dos seus líderes ou ex-líderes (Victorino, Baltar, Palmou...) falan un galego bonito, rico, verdadeiro. No capítulo dos detalles significativos, non podemos esquecer que o famoso manuscrito de demisión de Xosé Cuíña, profusamente repetido en diversos medios de comunicación, estaba redactado na nosa lingua. Aínda así, a política lingüística do PP quedou sempre en foguetes de verbena. O diñeiro marchou para centos de publicacións de discutible importancia e ducias de lectorados nos que todo quedaba en mans da vontade -case sempre encomiable- dos seus titulares. Con todo isto, non se conseguiu que o galego recuperase terreo no ensino e nas familias, os dous puntos realmente decisivos. E non se fixo, creo eu, porque non se quixo. A doutrina do bilingüismo harmónico serviu para gardar as formas e a boa educación, sen alporizar por iso a un sector do partido -o máis poderoso- absolutamente impermeable á cuestión da lingua. Ou acaso ninguén lembra xa a certo vicepresidente da Xunta que xamais empregou o galego, nin tan sequera no Parlamento? Chamábase Mariano Rajoy, se non me engano. En conclusión, os anos de poder do PP, agás meritorios e puntuais casos, desapareceron na néboa do tempo perdido, dos cartos dilapidados, da falta de imaxinación.
O caso do PSOE non é precisamente máis alentador. Xa se sabe, Ramón Piñeiro morreu hai moitos anos e as súas ideas case nunca se puxeron en práctica, pero quizabes por iso queda no padal o regusto amargo de que os socialistas perderon unha oportunidade histórica de se converteren nun partido galeguista, moderno e -perdón polo palabro- "unificador". Non foi así. Pouco e pouco, o puño e a rosa foi xuntando ao seu abeiro un heteroxéneo grupo de presuntos progresistas aos que non lles interesaba o máis mínimo o futuro da nosa lingua. Digámolo ben claro: o PSOE actuou en moitas ocasións coma un auténtico inimigo do galego. Algúns dos seus dirixentes manifestaron de xeito descarado e constante unha animadversión e unha hostilidade cara ao idioma propio de Galicia que, de ser este un país normal, lles debería valer o desprezo definitivo dos cidadáns. Se se permite a vehemencia, direi que aquel que non sentiu lume no peito ao escoitar certas declaracións de Francisco Vázquez ou Ventura Pérez Mariño talvez tampouco sentiría nada no caso de ser bombardeada a catedral de Santiago ou acementadas -hipótese non tan rara- as nosas rías. É incomprensible que se permitise durante tantos anos este continuo desdén, case sempre desculpado co argumento, cada vez máis feble, de "home, non é para tanto, Ceferino Díaz fala galego todo o tempo". Hoxe, xa no poder, é indispensable que o PSOE asuma dunha vez a súa condición de partido galego, o cal implica, entre outras moitas cousas, un compromiso firme co idioma. Un ano despois das eleccións autonómicas, as perspectivas non son motivo de satisfacción. Aínda non está claro o labor da Secretaría Xeral de Política Lingüística -con todo, deámoslle tempo e brindémoslle a nosa colaboración- e tampouco se aclarou por completo a esperanzadora noticia das chamadas "galescolas". Agardemos. Como diría un de Burela, xa é moito hora de que reaccionen.
E falemos tamén, como non, do BNG, os supostamente "nosos", os comprometidos, os que fan causa da lingua. Alguén cre que o traballo do Bloque foi realmente positivo para a lingua galega? Eu, sinto dicilo, penso que non. En primeiro lugar, debo dicir que é intolerable que un grupo político adopte un idioma como patrimonio propio, como se só a eles lles correspondese a nobre tarefa da salvagarda e conservación da lingua. Tampouco axudou nada esa identificación, moi espallada hoxendía, de idioma galego e nacionalismo. Nin foi positivo o feito -talvez casual, pero en todo caso prexudicial- de que moitos dos líderes do BNG falen un galego tan falso e paupérrimo. Aos nosos vellos gustáballes oír a Vázquez Portomeñe, un tipo que falaba coma eles, na mesma lingua e coa mesma retranca. Os discursos baleiros de Quin, as perífrases imposibles de Castrillo ou a enxurrada carpideira de Paco Rodríguez non lles din nada, sóanlles distantes e inverosímiles. E non nos metamos xa nos mares ortográficos, non vaia ser que a treboada nos leve ao naufraxio, perante a indiferenza total do noventa e nove por cento da poboación.
Por fortuna, máis alá das siglas e dos símbolos, estamos nós, os cidadáns. Como animais sociais que somos, temos a obriga de participar nos asuntos do noso tempo e da nosa terra, de esixir, de comprometernos. No caso de que nos importen estas cuestións, claro.

11 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Coincido, fóra detalles, coa túa análise do problema. Agora pregúntoche, así as cousas: ¿que esperanzas temos? ¿Daremos os cidadáns, por nós sos e sen "eficientes" e "decididos" apoios institucionais, salvado o barco que vai ao pairo ou, finalmente, irase a pique de todas todas?

3:33 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

O outro día oindo na rg unhas declaracións de Baltar pensaba o mesmo: ¡Que bonito fala o condenado...e que mal fala Touriño!
Concordo que "Neofalante=Bloqueiro" é un tópico que afastou a moita xuventude da cidade (que tamén hai novos que votan ó PP e ó PSOE, non o esquezamos) do galego.

4:59 p. m.  
Blogger acedre said...

Non so es bo literato que tamen tes merito como analista.
Coincido mais ou menos nas tuas ideas e co isto chegamos a conclusion de que o galego no mundo politico esta hoxe maltratado por todos.

5:28 a. m.  
Blogger Desorde said...

excelente! é valente e importante que se poña públicamente de manifesto a responsabilidade do bng nesta materia, xente que ainda por riba trata de culpabilizar aos demáis se cometemos un erro ou lle falamos a alguén unha frase en castelán. unha aperta

10:36 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Comparto a túa soflama, no fondo sempre debe de estar a sociedade civil como baluarte dende onde se debe de esixir aos políticos de calquera cor, o cumprimento das súas promesas electorais e que deben de ter a sensibilidade necesaria para dar cancha ás proposicións que realiza a mesma.
Na ultima de hoxe xoves de LVDG baixo o epígrafe “cultura e futuro”, X.C.Caneiro contempla a actuación da conselleira de cultura convocando a diversos estamentos da cultura a dar a súa opinión sobre un tema concreto.
Este feito, debería de se repetir neste tema que ti tan ben desenvolves.
Unha aperta

11:50 a. m.  
Blogger Peke said...

Excelente e lúcida análise.

12:21 p. m.  
Blogger folerpa said...

O da enxurrada carpideira é glorioso meu.

5:39 p. m.  
Blogger Artipractor said...

Non sei porque, pero despois de leer estes ultimos post que puseches sempre teño ganas de falar en galego!!!
;)
Espero perdoeis os meus erros
Un saludo

8:26 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Unha análise realmente moi boa e lúcida. Engado o comentario de que, en teoría, o PPdG, como partido “conservador”, debería ser o máis involucrado no de conservar a lingua. Non embargantes... en fin. de cando cando cómpre ler o famoso artigo de Manuel Rivas “Galiza. O país conservador onde non hai conservadores”.
E, por certo, coíncido no feito de que moitos dos persoeiros do BNG teñen un galego bastante lamentábel. Dan gañas de mandalos a facer o BUP de novo. Paréceme a min, lembrando aos meus menstres de entón, que algúns non tirarían nin un suficiente.

Polo demais. Sigamos no entusiasmo galegofalante. E falémolo sempre. Comentarei unha anécdota:
Esta mesma semana asistín a un curso sobre hixiene industrial en Porriño, impartido nunha coñecida mutua laboral. Cando cheguei a sala de espera, as persoas alí reunidas mantiñan entre si esas conversas un pouco absurdas que se teñen cos descoñecidos por pasar o tempo. Todos falaban en castelán. Non embargante, logo de que un compañeiro de traballo e eu nos incorporásemos ao grupo e comezásemos a falar en galego, a xente respondeunos en galego, e pronto a nosa lingua se converteu na principal da conversa. E todos a falaban moi ben, con moita soltura.
Os galegos non falamos galego, pero semella que o teñamos na punta da lingua. É sumamente fácil facelo sair. E non cabe dúbida que isto demostra que, polo momento, non hai nada perdido.

9:04 p. m.  
Blogger Hector said...

Magnífico artigo, concordo em muitas das cousas que dixeche. Uns apontamentos:
- A intervençom política na língua galega (filologia e usos) foi catastrófica. Os dados pugerom-nos eles na mesa.
- As galescolas é umha ideia roubada: www.galescola.com
- Deveriamos desbotar, os galegos, a ideia nacionalismo=galeguismo. O nacionalismo é umha dotrina política, nem de esquerdas nem de dereitas. O galeguismo é umha actitude: som galego, preocupo-me polo meu, sem ideologia nengumha, política como ser social, cidadam(que nom ciudadano como di Torito) e ponto.

Saudos a tod@s

10:32 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Onde hai que asinar?
Un comentario moi oportuno e indiscutible. Parabéns.

7:44 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home