miércoles, mayo 24, 2006

Algunhas cousas simples que podemos facer pola lingua galega

Atrévome a participar no debate que nos propuxo hai algúns días Marcos Valcárcel . Está en xogo o futuro do noso sinal de identidade, o idioma. Non podemos permitir que esmoreza diante da nosa pasividade. Pola miña banda, propoño algunhas cousas ben sinxelas:
1. Falar galego con naturalidade, sen facer diso unha bandeira nin unha doutrina. Os que non falan galego merecen todo o respecto, polo que nunca debemos facelos obxecto das nosas proclamas sociolingüísticas nin dos nosos comprometidísimos discursos. Está máis que demostrado que determinadas actitudes son contraproducentes.
2. Fuxir dos tópicos. O meu admirado Carlos Blanco dicía que os camareiros sempre se sorprendían ao ver un señor de traxe e gravata falando galego. Por suposto, non digo que agora vaiamos vestir como se fósemos a unha voda, pero tampouco esquezamos que a xente asociará a nosa imaxe á lingua que falamos. Niso, como en tantas outras cousas, temos moito que lle agradecer ao profesor Beiras.
3. Pidamos, con amabilidade e firmeza, que a documentación da nosa vida estea redactada na nosa lingua: as hipotecas que asinamos, as cerimonias que celebramos, a folla parroquial, as actas da comunidade de veciños...
4. Regalemos libros en galego aos nosos amigos e coñecidos, moi en especial aos nenos, aínda que non sexan galegofalantes.
5. Evitemos as discordias innecesarias. Cada segundo que perdemos discutindo sobre cuestións ortográficas é un segundo perdido. Non nos convén dar imaxe de división, a menos que nos queiramos parecer aos xudeus da película "A vida de Brian".
6. Agora que se achegan as eleccións municipais, dirixámonos aos candidatos do noso concello e amosémoslles a nosa preocupación ou satisfacción , segundo sexa o caso, pola estado da lingua. É importante que sexan conscientes de que o asunto do idioma non é secundario.
7. Participemos na vida cidadá. Escribamos na seccións de cartas ao director e manifestemos a nosa opinión sobre as cuestións de actualidade. Pero, a ser posible, non convirtamos os foros dos xornais nunha reiterada e aburrida queixa lingüística. Faremos máis pola nosa lingua se a empregamos para opinar de política, de arte, de fútbol, de urbanismo, de calquera tema que nos pareza interesante.
E agora, por favor, que cada un engada o que queira. O debate é fermoso; o desafío, longo.

13 Comments:

Blogger marcos valcarcel said...

Consellos todos ben interesantes, amigo Veloso. Ese é o camiño: o espertar da sociedade civil, unha auténtica revolución das conciencias. Devolver o galego aos seus falantes e que eles fagan da lingua un obxecto útil e necesario, ademais dun tesouro literario e cultural.

12:06 p. m.  
Anonymous náufrago said...

De acordo case que con todo. O que pasa é que, hai días que máis que resignarme a "falar galego con normalidade", o corpo pídeme poñerme algo belixerante. Pero só son días...

12:42 p. m.  
Anonymous Afonso V.Monxardín said...

Chapeau, sr. Veloso.
O futuro está nestas cousas que vostede sinala e certamente pouco máis lle pode facer a sociedade civil, as xente do común. Vontade. Teimosía. Amabilidade. Firmeza. Exercicio da normalidade.
Como os milagres non existen. Vostede sinala perfectamente o camiño. Verémonos nel.
Graciñas e adiante.
Cóntolle unha anécdota.
Onte estiven nunha poxa en facenda.
O amo -inspetor de facenda ou así- empezou dicindo os números en castelán, e cando a xente comezou a subir os prezos en galego, cambiou de lingua, porque viu que era a común dos que alí estabamos. Creo que o fixo feliz.
Que a inercia das circunstancias non se sobrepoña ás vontades por liviás que sexan, das persoas amantes do galego.

4:54 p. m.  
Anonymous SZ said...

Creo na sociedade civil, desde aí pódese facer… todo.
Comparto a túa proposta na medida das miñas posibilidades.

8:50 p. m.  
Anonymous SZ said...

Creo na sociedade civil, desde aí pódese facer… todo.
Comparto a túa proposta na medida das miñas posibilidades.

8:50 p. m.  
Blogger Xosé Antón said...

Estou convencido que todos estamos facendo menos do que podemos porque isto vai realmente mal.

12:13 a. m.  
Anonymous breoxende-carqueixa said...

O artigo de onte na Voz de Galicia de Isaac Diaz Pardo é esclarecedor do que é o galego e cales poden ser os camiños a seguir para que sexa unha lingua de recoñecemento social en toda nosa terra. Eu todos os días as nove da mañá teño unha reunión de traballo, dos 8 que estamos nela, agás un que é castelán e xa leva uns cantos anos en Galicia, o resto somos todos galegos. Dos 7 restantes, 6 criáronse como galegofalantes nas súas casas, pois todos tivemos pais que proviñan da aldea e así foi o noso desenvolvemento diario, o outro tamén o fala se lle peta aínda que é castelán falante, pois ben, o único que fala na reunión en galego son eu; só algunhas veces me contestan en galego, cando remato eu de falar todos os reunidos volven o castelán. Sei que me encadran nos tópicos de sempre: este é nacionalista, é do bloque, e ademais é un becho raro.
É unha mágoa, pero o pesimismo é evidente e como di Díaz Pardo, o galego rematará como unha lingua litúrxica coma o latín.
Os meus fillos malia que na escola danlle a maioría das clases en galego, non din unha palabra en galego na casa nin a paos, só cando queren usar a ironía ou facer mofa. O pesimismo vaise apoderando dos que temos a lingua coma un tesouro, agardemos que non o perdamos.
Saúde o galego e sigamos sempre adiante.

12:24 a. m.  
Blogger torredebabel said...

nunca sei se decir (anotar) algo sobre estes temas xa que nin son galegofalante (moito quixera selo, claro), nin falo (nin escribo) ben a lingua. Pero hoxe vese ben que non teño moita vergonza, entón deixo a miña opinión: concordo en que son estes tempos de traballar en positivo pola lingua. E concordo con cada unha destas propostas de Veloso e tamén coa iniciativa de Marcos Valcarcel e Alfonso Vazquez-Monxardin. E, sobre todo, penso que o xeito de traballar pola lingua é falar, empregala todos os días, derrumbar ese tópico que iguala aos galegofalantes cos bloquistas, brutos ou aldeáns.
Eu non son nin bloquista, nin bruta nin aldeá e intento falar o galego o mellor que podo porque ningunha outra lingua fala mellor de min que esta. Cantos máis seamos, antes construiremos unha nove imaxe do galego e das persoas que o usan.

1:54 a. m.  
Blogger acedre said...

O idioma non e dun so senon de todos a repartir.
Entre todos aportemos o pouco ou muito que poidamos e con normalidade que non somos extraterrestres nin nada polo estilo.
Xa o comentei unha vez. Unha vez dixome un rapaz: Oye, a ti te gusta el gallego, no?. E dixenlle: Pois non, por preferir prefiro unha galega.
Un saudo e sigamos coa nosa rotina.

4:20 a. m.  
Anonymous Marinha de Allegue said...

Coincido no teu parecer Veloso e no dos blogueir@s que ata agora opinaron. Considero que esa debería ser unha actitude vital e polo tanto levaríamola a cabo con normalidade e desenfado. O respeto é un valor básico e a comunicación unha habilidade de moito valor si logramos conxugar respeto e comunicación a nosa imaxe sen dúbida cambiará.

Unha aperta galega.
;)

11:55 a. m.  
Anonymous Larvós said...

Totalmente de acordo. Aínda así recoñezo que anoxo con bastante frecuencia por estes temas. Aínda hoxe tiven no traballo unha chamada de alguén que dicía falar desde "villanueva". E cando lle preguntei si se refería a Vilanova de Arousa, deuse o enésimo intre de tensión por estas cousas. "Evidentemente", contestou moi fachendoso.
Evidente sería para el. Aos Sangenjo un xa está resignado, pero o de Villanueva para min era novo. De verdade.
Raio de país.

9:46 p. m.  
Blogger Artipractor said...

Estou de acordo!!!
Solidarizome con vos!!!

Musu Bat

9:40 p. m.  
Blogger Mr Tichborne said...

Concordo con todo agás co punto 5, toda a culpa é da Fronte Popular de Xudea

11:58 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home