lunes, octubre 17, 2005

Os de Silvaoscura (13)

En San Salvador de Penosiños e arredores tivemos varios párrocos dignos de mención. Lembro a D. Xaime, que casou os meus pais, un home grande, de fazulas vermellas e sorriso amplo. Na foto da Primeira Comuñón abránguenos a sete rapaces cos seus brazos longos e apostólicos. Alí están a miña prima Julita, a Esperanza de Calvos, a Rosa de Vilanova, o Luís Alberto do Carraguedo, o José Manuel de Calvos, un tal Jorge que marchou para Venezuela e do que non volvín saber nada... E, claro, estou eu, con cara de dúbida.
A fama de D. Xaime provén das traizóns da súa cabeciña. O coitado volveuse tolo. Aínda hai veciños que lembran unha famosa homilía na que chamou "cabalos desbocados" aos fregueses, cunha voz poderosa que resoaba coma un trono na vella igrexa. E non parou aí o trastorno. Pouco despois, en plena verbena de San Salvador, subiu ao palco da orquestra e cantou, micrófono en man, algún dos éxitos da época, sen que os músicos nin os maiordomos desen atallado aquela arroutada canora.
Pero a tolemia rematou en desgraza. Primeiro chegaron novas de que D. Xaime estaba en Toén, no sanatorio psiquiátrico. Despois -lembro que estabamos nunha xuntanza familiar cando nos deron a noticia- soubemos que o noso párroco morrera. Falouse moito das causas daquela morte. En principio dixeron que fora un infarto; máis tarde, algunha voces chegaron a pronunciar a palabra "asasinato" e mesmo houbo algúns que culparon directamente ao bispo, o temido Temiño, de ter parte no asunto. A min, xa daquela, pareceume moi fantástico que o máximo xefe dunha diócese se dedicase ao exterminio daqueles subordinados que tiñan a mala sorte de perder o control dos seus pensamentos. O caso foi que D. Xaime e as súas palabras entraron para sempre na nosa pequena Historia. Deus lle dea descanso eterno e nos permita a nós seguir sendo uns cabalos desbocados por moitos anos.

3 Comments:

Blogger acedre said...

Estes curas son personaxes de novela. Si, senhor.

4:26 a. m.  
Blogger Veloso said...

Agardo que haxa ocasión de falar doutros curas. E dalgunha monxa, por exemplo da madre Amelia, que me regalou "A illa do tesouro" sen imaxinar que estaba cambiando para sempre a miña vida.

4:15 p. m.  
Blogger acedre said...

Eu nunca tiven contacto con xente da igrexa asi que espero as tuas narracions sobre esa xente.
Un saudo.

12:37 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home