miércoles, octubre 19, 2005

Os de Silvaoscura (14)

O Benito das Regas tiña dous oficios que lle deron prestixio durante moitos anos. Era un pedreiro fino e eficaz. De cando en vez, cando pasamos polo carreiro da Rúa, o meu avó detense diante do muro que rodea a nosa casa e di "este traballo fíxoo o Benito; non cae máis". O segundo oficio, non menos necesario, era o de enterrador. Nesta cuestión xa non había tanta unanimidade. Os veciños valoraban a rapidez con que apartaba as lousas e a precisión con que baixaba as caixas ao burato, pero non estaban moi de acordo coas terribles blasfemias con que adoitaba acompañar cada un dos seus actos. Eu sempre pensei que, máis cás palabras, o que metía medo eran os seus ollos, sempre feros e desafiantes.
Tiña tamén aquel home cousas que semellaban froito dunha ironía non sempre ben entendida, como cando mandou parar, con contundente violencia verbal, unha procesión do San Xoán que pasaba ao carón da súa casa, tan só para botar ao ceo de Penosiños unha presa de foguetes que mercara na honra do santo.
E non quero esquecer un detalle que presenciei eu mesmo. No enterro do Vicente de Calvos -matárase en Suíza sendo mozo, creo que nun accidente de circulación-, xuntouse unha multitude, como adoita suceder cando morre unha persoa nova. A nosa igrexa non deu acollido a tanto fiel, polo que moitos agardaron fóra mentres se celebraba o funeral. O Benito, dilixente como era, púxose a abrir o panteón que acollería ao pobre Vicente, sen reparar en que o seu labor era contemplado por un bo fato de espectadores. Sucedeu que, ao retirar as lousas, quedou ao descuberto o esquelete dalgún devanceiro do finado. Esta aparición, por imprevista, suscitou comentarios de asombro entre os asomados á tumba. O Benito decatouse entón da súa presenza, deu media volta cara a eles e sentenciou coa súa voz de lóstrego: "Se queredes levar os ósos para o caldo, aí os tendes".

3 Comments:

Blogger acedre said...

Ese Benito faime lembrar un camioneiro que cando miraba unha muller gravida dicia: Es pinou.
Non sabias se matalo ou rir.
Hai brutans e sempre os habera.

8:01 p. m.  
Blogger acedre said...

Esa pinou. Errata dos meus dedos.

8:01 p. m.  
Blogger Veloso said...

O Benito era bruto con vocación. Outro día contarei algunha anécdota de cando morreu a súa muller. Un saúdo

8:53 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home