viernes, junio 15, 2007

O día en que o mundo enteiro escoitou o himno galego

Onte cumpríronse vinte e cinco anos dun partido de fútbol histórico. Curiosamente, os xornais, tan amigos de aniversarios e cabodanos, non dixeron nada sobre o asunto. Falo do Italia-Polonia que se xogou en Balaídos, na primeira fase do Mundial 82. Como algúns lembrarán, cando os equipos estaban sobre o campo en actitude firme e respectuosa, nese momento solemne das músicas, soou, imprevistamente, o himno galego. Os italianos pensaron que se trataba do himno polaco e viceversa. O comentarista de Televisión Española, que tampouco estaba avisado da novidade, atribuíu alegremente a melodía ao conxunto azzurro, talvez por maior rango na aristocracia futbolística. O caso foi que, rematadas as notas de Pascual Veiga e homenaxeado o fogar de Breogán, soou, agora si, o himno de Italia. Rossi, Tardelli, Conti e demais compaña escoitárono con calma, mentres que os paisanos do papa Woytila comezaban a amosar facianas de estrañeza. En canto rematou a segunda peza da tarde, os transalpinos espalláronse polo campo adiante -aínda non se levaban eses saúdos que se fan agora-, mentres que os polacos non sabían se ir ou vir. Por fin, cando, xa resignados, ocupaban posicións, oíuse o himno polaco. Boniek, Lato, Buncol, Szarmach e os demais, esparexidos polo verde, puxéronse tesos de novo. O locutor de TVE quedou sen palabras.
Ao día seguinte, a Fifa prohibiu terminantemente que se interpretase nos partidos oficiais ningún himno que non fose o dos participantes.

3 Comments:

Blogger paideleo said...

Mui bo !. Imaxino a cara de todos: xogadores e comentarista.

Con respecto á palabra cosco dicir que é así como lle chaman ós caracois no norte de Galicia. Gústame esa palabra e se así se espalla...millor que millor.
Boa fin de semana.

12:25 p. m.  
Blogger bouzafria said...

O comentarista de TVE era Miguel Vila, que dende aquela gañou unhas longas vacacións. Existe a escusa da coincidencia entre a Galitzia polaca e a nosa.
Mágoa do celtiña.

1:12 p. m.  
Blogger R.R. said...

¡Aínda volvín botar unhas risas!. Vintecinco anos xa...

9:37 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home