lunes, junio 18, 2007

Así non

O sábado pola mañá asistín á elección de alcalde no auditorio do Concello de Vigo. Houbo aplausos e apupos, indignados e felices. Ata aquí todo normal. A totalidade dos concelleiros do BNG e do PSdeG xuraron ou prometeron en lingua galega; o mesmo fixeron a gran maioría dos do PP. Porén, houbo tres ou catro dos novos concelleiros populares que preferiron empregar o castelán. Están no seu dereito. Ninguén llelo pode reprochar. Por iso me doeron os berros de "en galego!" dalgún espontáneo, que só conseguen a reacción irada dos que reclaman respecto e democracia. O noso idioma ten xa demasiados problemas como para que aínda por riba lle busquemos inimigos. Eu son dos que pensan que os galegofalantes temos a obriga moral de ir decote ben vestidos, limpos, correctamente peiteados e perfumados. Refírome, por suposto, a que nos temos que esforzar en dar boa imaxe. Non podemos permitir que se identifique a lingua que falamos con actitudes radicais ou intolerantes. A mellor das firmezas é a que se transmite cun sorriso. Non digo que non teñamos a obriga de reclamar os nosos dereitos lingüísticos, senón que creo que a mellor maneira de facelo é mediante a normalidade, nunca con berros a destempo que o único que conseguen é dar notoriedade a algún concelleiro, coma o tal Martiño do outro día, que xa tiña dabondo con tratar de ler en voz alta aquel textiño de catro liñas que lle puxeran diante.
Dito o cal, suxiro que uns cantos membros da corporación (incluídos o novo alcalde, a ex-alcaldesa e o líder do BNG) asistan a clases de galego e aprendan a colocar pronomes. Por suposto, deséxolles todo o mellor. O seu acerto será para ben noso.
Ah, habería que falar do Celta, pero hoxe teño día triste e non razoo ben.

7 Comments:

Blogger Hai Cada said...

Hola:
Concordo, e de paso que apunten ás clases ao Presi da Xunta, que por veces teño a sensación de que está a falar en castelán e mete no medio algunha palabra en galego para despistar.
Unha aperta.

8:41 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Eu tamén estiven o sábado no pleno do concello. E fun desas persoas que berrou cando o concelleiro Font amosou o seu desprezo polo idioma galego falando en castelán. Por certo, que eu ós do PP oínos falar en galego, sen ir máis lonxe, a señora Porro, que nunca fala en galego, ese día si o fixo. Un concelleiro que xa o seu primeiro día comeza incumplindo unha norma, mal comeza ó meu parecer.(Refírome a que existe unha ordenanza municipal que obriga por motivos do seu cargo a utilizar o idioma galego).

E, aproveito para dicir, que ser rebelde non sempre é sinónimo de ser maleducado. Eu son unha persoa educada, moito, pero se teño que rebelarme ante algo que non me gusta, dende logo non quedo coa boca pechada.

8:55 p. m.  
Blogger paideleo said...

Mui ben dito, Veloso: con educación vaise a calquera parte.

12:46 a. m.  
Blogger Mr Tichborne said...

Dubido que haxa unha ordenanza que obrigue ós concelleiros a falar galego. É tan anticonstitucional coma que os obriguen a falar castelán.
Isto non dá unha boa imaxe ó galego nin ó galeguismo (non trabucar co Partido Galeguista actual)

4:21 p. m.  
Blogger torredebabel said...

Bueno, eu sobre falar ben o galego non podo falar, pero concordo co que dis: o exemplo sempre é mais aleccionador que as proclamas.

1:21 a. m.  
Blogger eue said...

Si que existe unha ordenanza que obriga os cargos públicos do concello a falar en galego. Non conculca Constitución ningunha: o tribunal constitucional establece "lingua propia" como lingua que se pode establecer como lingua de uso por defecto, e iso é o que fai a ordenanza, establecer o galego como lingua dos representantes do pobo vigués como lingua en que se deben de dirixir por defecto á cidadanía.

E os panos quentes e o falso concepto da educación como sometemento da lingua débil á forte só nos leva ao bilingüismo harmónico famoso que leva provocando unha sangría de falantes sen precedentes na nosa historia dende 1983. Isto en Catalunya e Euscadi non pasa.

Por unha vez, non concordo convosco, compañeiros.

Non confundamos educación con sometemento.

9:30 p. m.  
Blogger X said...

Eu súmome ao de perfumadiños todos, cada quen ten as súas debilidades :(

12:48 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home