O tío Silverio
Se non me equivoco, o tío Silverio era irmán da miña bisavoa Carme. Marchou para Arxentina antes da guerra, escribiu un par de cartas contando que estaba ben e que Bos Aires era moi grande. Despois, deixou de escribir e nunca máis se soubo do parente emigrado. Pode que aínda viva. De cando en vez saen na prensa individuos que chegaron aos cento vinte anos; non hai ningunha razón para pensar que o meu tío non poida ser un deles. Tamén é posible que o seu voto sexa un deses trinta e tantos mil que hoxe van abrir. Xa sei que se trata dun asunto complexo e discutible, pero a min faime ilusión pensar que, setenta anos despois, o tío Silverio decidiu escribir outra carta, aínda que nela só veña unha lista de nomes que a el, coitado, ben pouco lle poden dicir.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home