martes, septiembre 30, 2008

Os símbolos

Souben que, despois da cerimonia do seu casamento, a Cristina do Reguengo e mailo seu home emprenderon simbólica viaxe en tractor. Aplaudo a idea, non só porque me pareza divertida e orixinal, senón porque tamén manifesta respecto e admiración polos que empregan de cotío o devandito vehículo no seu labor. O monótono fungar do tractor tamén é parte de nós; non está de máis que de cando en vez lle rindamos homenaxe.

martes, septiembre 09, 2008

Sen título

Supoño que podería falar dos do Club Financiero de Vigo ou de Augas de Mondariz ou de calquera outra xuntanza de parvos, pero estes días non teño o corpo demasiado combativo. Estou triste, amigos do blogomillo. O pasado 28 de agosto finou o meu avó, unha das persoas máis importantes da miña vida. Marcharon os seus olliños luminosos, a súa voz alegre, a inesgotable fonte de historias e conversas. Marchou o home bo, o que nunca se enfadaba, o que sempre tiña unha palabra amable para todo o mundo, o que sabía espertar o sorriso nas situacións máis serias. Marchou Manuel Veloso Vilachá, o meu querido e inesquecible avó. Queira Deus que algún día, quen sabe se no particular ceo dos de Silvaoscura, nos atopemos de novo.